Un resumo sobre a Xornada de hoxe sobre a LOMCE

Esta entrada pode que vaia ser unha das máis largas deste blog. Intentarei resumir ao máximo toda a información que é do noso interese, pero é tanta, que seguro que quedarán moitas cousas no tinteiro.
Espero que a Xornada de hoxe servira, polo menos, para iniciar algún tipo de movemento que permita facer chegar a nosa voz nun momento tan crítico coma no que estamos.

Foron 5 as persoas que se sentaron hoxe no Salón de Plenos do Concello (representates da CIGA, UXT, CCOO, FOANPAS e da Federación de ANPAS "A Gameliña"). Este é o resumo do panorama que nos presentaron:
A LOMCE si é certo que trouxo algo bo: Sindicatos, ANPAS, Consellos Escolares, Profesionais, alumnos, pais, nais... uneunos a todos/as na súa contra, o que parecía algo imposible. É o que ten a obriga de afrontar un problema desta embergadura.

A LOMCE é segregadora.
  • Clasifica aos alumnos: 
    • Os que non teñen problemas e se adaptan ben ao sistema educativo tal e como a lei o deseña, aínda que con máis obstáculos, poden chegar a alcanzar os obxectivos e ir pasando de curso... o que non garante que acaden o título de ESO ou de Bacharelato. Para titular, ademáis, teñen que aprobar a proba externa (a reválida). Se non a aproban, non terán o título e polo tanto, pasar de nivel.
    • En 4º da ESO terán que decidir: Estudos aplicados ou Estudos académicos? Esta decisión é vinculante. Os que elixan o Aplicado si ou si a súa saída é un ciclo. Os que elixan a opción de Académico, teñen que facer o Bacharelato. Unha vez decidan (con 14-15 anos) xa non teñen opción de cambiar a súa idea.
    • Os que teñen algunha dificultade que non sexa imputable a falta de esforzo, en 2º da ESO (e nalgúns casos en 1º), son apartados do grupo ordinario para cursar un Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR). A diferenza cos actuais PDC é que estes sí achegaban as persoas con dificultades para a aprendizaxe a oportunidade para titular na ESO. Os novos PMAR non, en 4º estes rapaces/as con dificultades volven ao curso ordinario. Como dixeron na charla de hoxe, "isto o papel o soporta, pero a realidade non". Teñen que presentarse igual á reválida, sen ter en conta máis adaptacións que as de tempo e físicas, pero non teñen en conta adaptacións ás súas diferenzas individuais. 
    • Os que non teñen un bo comportamento na clase ou non amosan esforzo (isto normalmente ten unha historia detrás), son derivados a Formación Profesional Básica (FPB).
    • Xa temos a todos clasificados: os que queren e poden por un lado, os que queren pero non poden por outro e os que non se sabe se non queren ou non poden polo outro. A inclusión e a integración, onde queda? Onde queda a aprendizaxe social e as axudas entre iguais? E se se equivocan? E se solo é un periodo malo que o rapaz está pasando?... Clasificación e elitismo puro e duro, porque as diferenzas en moitos casos teñen que ver coas oportunidades que cada un ten para a aprendizaxe... Se o propio sistema lles quita as oportunidades o sistema é segregador.
  • A LOMCE non solo permite, senon que paga concertos a colexios que deciden segregar por sexos. Este é un gran retroceso na loita pola igualdade de xénero.



A LOMCE é unha carreira de obstáculos
  • Reválida 1: 3º Educación Primaria (7-8 anos). Os rapaces/as teñen que someterse durante dous días a uns exames que serán criterio a ter en conta para tomar medidas extraordinarias (repetir curso ou facer unha adaptación curricular). Comezan as etiquetas.
  • Reválida 2: 6º Educación Primaria (11-12 anos). De novo ten carácter diagnóstico.
  • Reválida 3: 4º ESO (15-16 anos). Se non aproban estes exames, non titulan na ESO, aínda que teñan os 4 cursos aprobados. Danlles un certificado co que poden presentarse as probas de acceso a ciclos, pero perden o dereito de continuar directamente cos seus estudos.
  • Reválida 4: 2º BACH (17-18 anos). Se os alumnos/as non aproban os exames, non titulan en Bacharelato, co cal non poden continuar estudos universitarios. E logo din que quitan a Selectividade!. O certo é que suprimen os criterios obxectivos neste paso crucial, aínda que a meirande parte das universidades públicas seguirán baseándose nos expedientes académicos.


Logo... cales son os seus obxectivos?.
  • Diminuir o fracaso escolar: Pero isto (no caso de acadalo) será non contando a todos os alumnos/as que quedan fóra do sistema (FPB e PMAR non computan nas súas estatísticas). Os datos das enquisas serán un engano.
  • Aumentar o número de titulados medios: Pero non fomentando e investindo en FP, senon creando uns estudos de baixa cualificación profesional (FPB). Un deles, de nova incorporación no BOE leva por título "Actividades domésticas".
  • Baixar o número de titulados superiores. 
  • Elaborar, cos resultados da reválida, un "ranking" de centros. Os que ocupen as primeiras posicións serán os que teñan máis recursos económicos. Segregación social.


E... que podemos facer?.
  • Sobre todo... manternos informados/as.
  • Asembleas de socios/as da ANPA, con levantamento de actas e presentación mediante rexistro na Consellería de Educación.
  • Tratar o tema no Consello escolar (que xa non é un órgano decisivo, agora solo é consultivo... pero este é outro dos grandes temas) e presentar o rexeitamento mediante copia de acta de igual xeito.
  • Manter contacto con outras ANPAS e Federacións de ANPAS para trazar estratexias comúns.
  • Non é un blog con connotacións políticas, e oxalá puideramos mantelo fóra destas liñas, pero o certo é que a educación está politizada. A LOMCE é unha lei do PP e foi aprobada cos seus votos e cos de UPyD no Parlamento español. Todos os demáis partidos políticos comprometéronse a derogala. O 20D temos e tendes unha cita coa Democracia. Co voto é como podemos manter ou cambiar esta situación.

    Saúdos!! ( e moitas grazas por chegar hasta aquí)

    Ningún comentario:

    Publicar un comentario

    Déixanos aquí o teu comentario ou dúbida. Grazas!