Xornada informativa sobre a aplicación da LOMCE




Data: Luns, 2 de maio
Hora: 19:00

Lugar: Salón de plenos do Concello de Cangas
Organiza: Federación de Anpas "A Gameliña"

Vas faltar?

A falta de información non permite a decisión

A entrada da Lomce é algo hoxe en día certo, está xa instaurada en toda primaria, en 1º e 3º de secundaria e en 1º de Bacharelato, pero aínda non está de todo desenvolvida a nivel lexislativo.
Este ano os mozos/as que rematen Bacharelato terán que presentarse á Selectividade (PAAU), á súa fase xeral e á específica, se queren acadar máis nota para entrar na carreira elixida. Eles/as son os últimos que puideron tomar decisións baseándose nunha información.

Os mozos/as que este ano cursan 1º de Bacharelato están matriculados sen saber como se vai valorar o seu acceso a Universidade. A  reválida a que terán que presentarse cando rematen o próximo curso non terá efectos académicos para acadar o seu título de Bacharelato, será "de proba", pero a día de hoxe descoñecen que terán en conta as Universidades para escoller ao seu alumnado. Teñen que facer a preinscripción nuns días e elixir as súas materias sen saber se ponderarán máis unhas ou outras e, de ser así, cales serán as que lles fagan acadar unha maior nota para entrar. Non se sabe nada.

Os alumnos/as que están agora en 4º da ESO tamén teñen que decidir sen ter información, non se sabe e se supón que a súa reválida si será vinculante, así o di a lei, se non pasan a reválida, non terán título de Bacharelato.

O certo é que non sabemos se seguirá a LOMCE, se será derogada e volverá a LOE...


No caso de non ser derogada solo se sabe que a nota final de Bacharelato será o resultado de aplicar unha fórmula:

(0.6 x Nota media de Bacharelato) + (0.4 x Nota na reválida)




Pero, será esta a nota de corte? Pois non ten por que ser así, cada universidade decide se solo ten en conta esta nota, se fai un exame específico para entrar, se suma a esa nota as calificacións das materias que máis se vinculan a eses estudos, cada unha coa súa ponderación, se teñen en conta a modalidade de bacharelato escollida... isto cada Universidade. Deste xeito podemos vernos no caso (pouco probable pero posible) de que cada universidade de enfermería poña diferentes criterios... para prexuízo dos alumnos/as.

Esto xa o sabiamos dende o documento preliminar da LOMCE, pero a día de hoxe, que os estudantes xa están neses cursos que son a vía de acceso á universidade, aínda non se desenvolveron eses criterios, polo cal as decisións que tomen non poden ser informadas. 

Estamos xogando a un xogo sen coñecer as regras, o que fai que sexa inmensamente inxusto. Nas universidades agardan para establecer os seus criterios á Consellería, a Consellería agarda a que o Ministerio de Educación lexisle o desenvolvemento desa parte da LOMCE e o Goberno está paralizado. Mentres, os alumnos/as teñen que decidir, cunha venda nos ollos e agardando a que a cousa non cambie moito, que as regras por lóxica, se manteñan, que o novo sistema busque a forma de semellarse ao antigo... entonces, pregúntome, para que cambiou?


Charla no IES sobre o TDAH

Ola de novo!
Aquí vos deixamos información da charla sobre o TDAH deste ano. 
Será este xoves, 25 de febreiro ás 19:00 h na sala de usos múltiples do IES de Rodeira.
Agardámosvos!

TokApp: Unha nova canle de comunicación



Ola a tod@s!

Esta semana comezamos a pór en marcha unha nova canle de comunicación coas familias: O TokApp School.

Moitos de vós xa a coñecedes porque está en marcha noutros colexios e institutos. A partires desta última notificación, que podedes descargar aquí, xa non haberá máis notificacións en papel, deste modo as comunicación serán máis operativas, aforraremos e colaboramos todos a sostenibilidade.

Pedímosvos que entreguedes este impreso cuberto, tanto se queredes como se non ser informados das actividades da Anpa. Podedes deixalo cuberto no buzón da Anpa, que está na entrada do Centro.

Durante esta semana os mozos/as levarán este impreso  para as casas.




















Impreso para a alta en TokApp School

Moitas grazas pola atención e saúdos!!

Charla-Coloquio sobre a libre elección de Hospital

"Nos falarán da grave situación na que se atopa a sanidade en Galicia, da situación local en materia sanitaria e nos achegarán as últimas novas so Hospital Álvaro Cunqueiro tra-la súa caótica posta en marcha".

Poñentes:

  • Carmen Nores (Portavoz da Plataforma Defensa Sanidade Pública Cangas)
  • José Penelas (Membro da Plataforma Defensa Sanidade Pública Cangas)


24 de Novembro
19.00 h
IES Rodeira

2ª Sesión Escola de Familias


Nesta sesión Alberto regalounos a asistencia dun compañeiro de traballo, psicólogo tamén do concello da área de drogodependencias, pero a súa ocupación pouco ou todo tivo que ver co que fixemos nesta segunda sesión.

Aínda que tampouco e todo ten que ver coa foto de portada desta entrada. Esta é solo unha sensación do que vivín nesta sesión. Moitos/as de nós buscamos nas escolas de familias unha solución, unha receita máxica, pero o certo é que esa solución, esa receita, solo a temos nós. Cada familia ten o seu propio recetario de cociña, que vai evolucionando e cambiando de xeración en xeración, e dentro de cada casa o sabor de cada prato depende da persoa que o cociña. Hai pratos que lle saen mellor a mamá, outros a papá... e a avoa! que ben lle saen a avoa! Os rapaces ven, observan e o único que importa é que cada un poña na mesa a súa mellor versión do prato, ainda que as veces non saia ben. Para iso, moitas veces, temos que sair da nosa propia rutina, cambiar, quitar, engadir un ingrediente, darnos a oportunidade de fallar, porque solo así poderemos aprender... E logo, para que son as escolas de familias? Pois, como eu o entendo, para ensinarnos que a única solución é buscar o noso mellor prato para poñer na mesa. Cada día, cada momento, dándonos a oportunidade de acertar.

A próxima sesión será o vindeiro 1 de decembro, coma sempre, na Sala de usos múltiples do IES de Rodeira, ás 19:00 h.

Estades a tempo de unirvos!

Saúdos!!

Abreu un novo prazo para solicitar axuda para material escolar

Novo prazo de presentación: 11/11/2015-21/11/2015
Quen pode solicitala: Os que non recibiron antes a axuda, ben por non solicitala ou ben porque a súa solicitude foi denegada por algún defecto de forma.
Onde hai que presentar a solicitude: Pódese presentar no Centro

Para máis información e a descarga da solicitude, premede aquí

Saúdos!!

Recordatorio Escola de Familias

Hoxe, ás 19:00 da tarde, na sala de usos múltiples do IES de Rodeira terá lugar a segunda sesión da Escola para pais e nais.

Animadevos!

Charla coloquio sobre a libre elección de hospital


Un resumo sobre a Xornada de hoxe sobre a LOMCE

Esta entrada pode que vaia ser unha das máis largas deste blog. Intentarei resumir ao máximo toda a información que é do noso interese, pero é tanta, que seguro que quedarán moitas cousas no tinteiro.
Espero que a Xornada de hoxe servira, polo menos, para iniciar algún tipo de movemento que permita facer chegar a nosa voz nun momento tan crítico coma no que estamos.

Foron 5 as persoas que se sentaron hoxe no Salón de Plenos do Concello (representates da CIGA, UXT, CCOO, FOANPAS e da Federación de ANPAS "A Gameliña"). Este é o resumo do panorama que nos presentaron:
A LOMCE si é certo que trouxo algo bo: Sindicatos, ANPAS, Consellos Escolares, Profesionais, alumnos, pais, nais... uneunos a todos/as na súa contra, o que parecía algo imposible. É o que ten a obriga de afrontar un problema desta embergadura.

A LOMCE é segregadora.
  • Clasifica aos alumnos: 
    • Os que non teñen problemas e se adaptan ben ao sistema educativo tal e como a lei o deseña, aínda que con máis obstáculos, poden chegar a alcanzar os obxectivos e ir pasando de curso... o que non garante que acaden o título de ESO ou de Bacharelato. Para titular, ademáis, teñen que aprobar a proba externa (a reválida). Se non a aproban, non terán o título e polo tanto, pasar de nivel.
    • En 4º da ESO terán que decidir: Estudos aplicados ou Estudos académicos? Esta decisión é vinculante. Os que elixan o Aplicado si ou si a súa saída é un ciclo. Os que elixan a opción de Académico, teñen que facer o Bacharelato. Unha vez decidan (con 14-15 anos) xa non teñen opción de cambiar a súa idea.
    • Os que teñen algunha dificultade que non sexa imputable a falta de esforzo, en 2º da ESO (e nalgúns casos en 1º), son apartados do grupo ordinario para cursar un Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR). A diferenza cos actuais PDC é que estes sí achegaban as persoas con dificultades para a aprendizaxe a oportunidade para titular na ESO. Os novos PMAR non, en 4º estes rapaces/as con dificultades volven ao curso ordinario. Como dixeron na charla de hoxe, "isto o papel o soporta, pero a realidade non". Teñen que presentarse igual á reválida, sen ter en conta máis adaptacións que as de tempo e físicas, pero non teñen en conta adaptacións ás súas diferenzas individuais. 
    • Os que non teñen un bo comportamento na clase ou non amosan esforzo (isto normalmente ten unha historia detrás), son derivados a Formación Profesional Básica (FPB).
    • Xa temos a todos clasificados: os que queren e poden por un lado, os que queren pero non poden por outro e os que non se sabe se non queren ou non poden polo outro. A inclusión e a integración, onde queda? Onde queda a aprendizaxe social e as axudas entre iguais? E se se equivocan? E se solo é un periodo malo que o rapaz está pasando?... Clasificación e elitismo puro e duro, porque as diferenzas en moitos casos teñen que ver coas oportunidades que cada un ten para a aprendizaxe... Se o propio sistema lles quita as oportunidades o sistema é segregador.
  • A LOMCE non solo permite, senon que paga concertos a colexios que deciden segregar por sexos. Este é un gran retroceso na loita pola igualdade de xénero.



A LOMCE é unha carreira de obstáculos
  • Reválida 1: 3º Educación Primaria (7-8 anos). Os rapaces/as teñen que someterse durante dous días a uns exames que serán criterio a ter en conta para tomar medidas extraordinarias (repetir curso ou facer unha adaptación curricular). Comezan as etiquetas.
  • Reválida 2: 6º Educación Primaria (11-12 anos). De novo ten carácter diagnóstico.
  • Reválida 3: 4º ESO (15-16 anos). Se non aproban estes exames, non titulan na ESO, aínda que teñan os 4 cursos aprobados. Danlles un certificado co que poden presentarse as probas de acceso a ciclos, pero perden o dereito de continuar directamente cos seus estudos.
  • Reválida 4: 2º BACH (17-18 anos). Se os alumnos/as non aproban os exames, non titulan en Bacharelato, co cal non poden continuar estudos universitarios. E logo din que quitan a Selectividade!. O certo é que suprimen os criterios obxectivos neste paso crucial, aínda que a meirande parte das universidades públicas seguirán baseándose nos expedientes académicos.


Logo... cales son os seus obxectivos?.
  • Diminuir o fracaso escolar: Pero isto (no caso de acadalo) será non contando a todos os alumnos/as que quedan fóra do sistema (FPB e PMAR non computan nas súas estatísticas). Os datos das enquisas serán un engano.
  • Aumentar o número de titulados medios: Pero non fomentando e investindo en FP, senon creando uns estudos de baixa cualificación profesional (FPB). Un deles, de nova incorporación no BOE leva por título "Actividades domésticas".
  • Baixar o número de titulados superiores. 
  • Elaborar, cos resultados da reválida, un "ranking" de centros. Os que ocupen as primeiras posicións serán os que teñan máis recursos económicos. Segregación social.


E... que podemos facer?.
  • Sobre todo... manternos informados/as.
  • Asembleas de socios/as da ANPA, con levantamento de actas e presentación mediante rexistro na Consellería de Educación.
  • Tratar o tema no Consello escolar (que xa non é un órgano decisivo, agora solo é consultivo... pero este é outro dos grandes temas) e presentar o rexeitamento mediante copia de acta de igual xeito.
  • Manter contacto con outras ANPAS e Federacións de ANPAS para trazar estratexias comúns.
  • Non é un blog con connotacións políticas, e oxalá puideramos mantelo fóra destas liñas, pero o certo é que a educación está politizada. A LOMCE é unha lei do PP e foi aprobada cos seus votos e cos de UPyD no Parlamento español. Todos os demáis partidos políticos comprometéronse a derogala. O 20D temos e tendes unha cita coa Democracia. Co voto é como podemos manter ou cambiar esta situación.

    Saúdos!! ( e moitas grazas por chegar hasta aquí)